Por acordo da Xunta Directiva comunicamos o seguinte:
Suspéndense os servizos de atención presencial na sede da ARE pero seguimos a disposición dos nosos socios e do resto da veciñanza a través do teléfono 628 486 075, do correo electrónico info@are.gal e das nosas canles nas redes sociais.
Suspéndense as campañas de dinamización comercial hasta que se resolva a situación actual e os nosos socios poidan retornar ás súas actividades con total normalidade.
Non se cargará ningunha cota aos socios namentres non se levante o estado de alarma e se volva á normalidade. Ademais, realizarase unha minoración nas cotas dos socios para contribuír a reducir o impacto económico desta crise sanitaria.
Nos vindeiros días porémonos en contacto cos representantes do Concello co ánimo de valorar as posibles medidas que desde o goberno local se poidan levar a cabo para minimizar o impacto desta crise sanitaria no sector empresarial rianxeiro.
En canto ás medidas aprobadas polo Goberno no Real Decreto Lei 8/2020 publicado no BOE de hoxe, cremos que non son de todo suficientes para facer fronte ao gran impacto que a crise sanitaria do COVID-19 vai representar realmente para a nosa economía e pensamos que Goberno deberá amplialas e melloralas para protexer, sobre todo, ás pemes, micro pemes e persoas traballadoras autónomas.
Recomendamos aos asociados que desenvolvan a súa actividade nun local arrendado que, ante a situación de extrema gravidade que fai perigar a viabilidade de moitos negocios, intenten negociar cos seus arrendadores rebaixas no prezo da renda, ao menos mentres dure esta situación excepcional. Ninguén obriga ao arrendador a rebaixar temporalmente a renda dun contrato en vigor pero, desde a ARE apelamos á súa solidariedade en tempos difíciles para todos e lembramos que de non facelo, corren o risco de non cobrar nun contexto excepcional no que os procedementos de desafiuzamento permanecerán suspendidos.
Estendemos a recomendación anterior a todos aqueles socios que teñan que facer fronte a algún pagamento a provedores e a entidades bancarias para que renegocien ditos pagos e apelamos tamén á solidariedade e ao sentido común destes.
A todos os nosos socios dicirvos que somos totalmente conscientes das dificultades que se están a vivir nesta situación tremendamente complexa e incontrolable. Sabede que nós imos a seguir traballando por e para vós coa intención de minimizar, na medida do posible, os efectos desta virulenta crise sanitaria co convencemento de que a unión e a forza de todos nós, e daqueles que aínda non forman parte da ARE a aos que convidamos a sumarse, volveremos a superar outra adversidade máis e farémolo saíndo reforzados.
Ánimo a todos!!!