A Xunta ven de publicar a ORDE do 23 de setembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Podes consultala AQUÍ.
Estas medidas entran en vigor o sábado 25. Non obstante, establécese un prazo de dous meses para o cumprimento da obriga de asegurar que a totalidade do persoal traballador dos establecementos de hostalaría e restauración teña a formación requirida segundo os contidos marcados polo novo Plan de hostalaría segura.
Contidos mínimos dos programas de formación.- Establécense dous tipos de formación en función do nivel dos establecementos:
- Para o nivel 1c (unha cunchiña): a formación será básica (2 horas).
- Para o nivel 2c (dúas cunchiñas): a formación será avanzada (4 horas).
Para a superación de cada curso, realizarase unha proba teórica formada, como mínimo, por 20 preguntas, das cales, para aprobar, se debe contestar correctamente un 80 %. O alumnado recibirá un certificado acreditativo.
Como acceder á formación requirida.- Novos cursos organizados pola Administración Autonómica.
No prazo de 10 días a Xunta porá a disposición do sector da hostalería unha plataforma de formación para acceder aos contidos e obter a certificación acreditativa de forma gratuíta. O acceso será a través da páxina web www.turismo.gal.
Os contidos poderán visualizarse cantas veces se considere conveniente. Para acceder á proba o alumno deberá rexistrarse e recibirá un correo electrónico coa ligazón para realizar a proba. Superada esta recibirá, tamén por correo electrónico, o certificado acreditativo.
Cursos impartidos por outras entidades.
Os cursos tamén poderán ser impartidos por entidades de formación, asociacións do sector e servizos de prevención de riscos laborais nas seguintes condicións:
- Os docentes deberán contar coa seguinte titulación: licenciaturas ou diplomaturas do ámbito sanitario, licenciatura en Veterinaria, técnicos de Seguridade e Hixiene, técnicos en Prevención de Riscos Laborais.
- Asistencia completa do alumno (presencial ou virtual).
- Superación dunha proba para a obtención do certificado.
As entidades de formación, as asociacións do sector e os servizos de prevención de riscos laborais que pretendan acreditar esta formación comunicarán á Dirección Xeral de Saúde Pública a seguinte información:
- Nome do curso que se vai impartir.
- Modalidade (presencial e/ou virtual).
- Nivel de formación (básica ou avanzada).
- Programa.
- Duración.
- Docentes e titulación.
Tras a revisión da información achegada, a Dirección Xeral de Saúde Pública validará o curso ou comunicará, se é o caso, os requisitos que deban cumprirse para a indicada validación. Entenderanse validados se non se recibe a indicada comunicación nun prazo de quince días. Os cursos validados publicaranse na páxina web Hostalería segura.
Validez dos cursos xa realizados.
Os cursos xa realizados con anterioridade á data da eficacia do presente anexo daranse por válidos como formación básica, cando o seu contido coincida co recollido nesta orde para dito nivel formativo (cando menos nun 80 %), a duración sexa igual ou maior a 2 horas e se entregase o correspondente certificado acreditativo co programa. Estes requisitos poderán ser comprobados polas autoridades competentes no caso de inspección do establecemento.